Recursos Educativos

  1. Recursos Educativos
  2. Recursos dixitais

A infografía

Christoph Scheiner era un astrónomo alemán que ao redor de 1611 descubriu que o Sol tiña unha serie de manchas, o cal poñía en dúbida a súa perfección. Como este tipo de opinións non eran fáciles de defender na súa época tardou un tempo en facer públicos os seus descubrimento, o que o levou a manter unha controversia con Galileo Galilei sobre quen dos dous foi o primeiro en observar estas manchas solares. En 1626 publica Rosa Ursina onde mostra nunha serie de gráficos os movementos das manchas solares así como parte dos instrumentos que empregara para a súa observación. Estes gráficos son considerados a primeira infografía da historia.

Qué é?

Christoph Scheiner era un astrónomo alemán que ao redor de 1611 descubriu que o Sol tiña unha serie de manchas, o cal poñía en dúbida a súa perfección. Como este tipo de opinións non eran fáciles de defender na súa época tardou un tempo en facer públicos os seus descubrimento, o que o levou a manter unha controversia con Galileo Galilei sobre quen dos dous foi o primeiro en observar estas manchas solares. En 1626 publica Rosa Ursina onde mostra nunha serie de gráficos os movementos das manchas solares así como parte dos instrumentos que empregara para a súa observación. Estes gráficos son considerados a primeira infografía da historia.

Pero, que é unha infografía?, de maneira resumida pódese dicir que unha infografía ou información gráfica é unha representación visual de datos ou de coñecementos destinada a mostrar información complexa de forma rápida e clara.

As infografías poden ser de varios tipos:

  • Gráficos. Permiten mostrar datos, habitualmente numéricos, de maneira que se poida ver claramente as relacións matemáticas ou estatísticas que manteñen entre eles. Posiblemente son as infografías máis empregadas e poden ser de diferentes tipos: de barras, circular, con pictogramas, etc. O seu uso pode ter gran utilidade en moitas materias, por exemplo en economía, socioloxía, historia e en calquera ocasión que sexa necesario mostrar de maneira facilmente comprensible información numérica complexa.
  • Mapas. Son representacións gráficas dunha porción de territorio. Neles pódense localizar diferentes feitos, indicar percorridos, situar elementos significativos, etc. Ademais das grandes representacións gráficas do territorio tamén se poden incluír nesta categoría os mapas de localidades, os máis estereotipados das liñas de transporte, os que representan a climatoloxía, etc.
  • Táboas. É un tipo de representación gráfica na que se presentan datos mediante unha matriz na que cada columna representa unha variable e nas filas adoitan presentarse os elementos de cada unha desas variables. Empréganse con frecuencia cando non resulta posible representar os datos mediante gráficas.
  • Diagramas ou ideogramas. Mostran obxectos ou sucesos desde diferentes ángulos, desde o seu interior ou a súa evolución. Adoitan ser comúns nos materiais de tecnoloxía e de moitas especialidades de formación profesional.

As infografías poden realizarse debuxándoas en papel, como se viu ao falar da súa orixe, pero cando cobraron realmente unha nova dimensión é co uso das ferramentas dixitais. Os procesadores de texto e follas de cálculo son un software que permite realizar gráficas ou táboas de maneira sinxela, cos programas de debuxo vectorial pódense facer infografías un pouco máis complicadas como ideogramas ou mapas e tamén se poden empregar servizos na internet para crealas. Pero con independencia do sistema que empregues para crealas deberás ter en conta algunhas orientacións:

  1. Analiza cal é a idea que queres transmitir.
  2. Recolle información que che permita delimitar cales son os elementos esenciais desa idea.
  3. Realiza bosquexos en papel para comprobar como queda expresada a idea.
  4. Considera os diferentes tipos de infografías e selecciona o que máis se axuste aos teus intereses.
  5. Procura unificar o estilo do deseño.
  6. Accede a algún dos servizos da internet que permiten realizar infografías ou emprega o software máis apropiado.

Agora xa só necesitas analizar os contidos nos que o teu alumnado ten maiores dificultades de comprensión para poder realizar infografías que faciliten a súa comprensión.