VI Encontro InspiraTICs

Crecendo desde a ilusión e a innovación

Na tarde do xoves 26 de maio de 2016, tivo lugar o VI Encontro InspiraTICs "Proxectos Innovadores nas aulas galegas" no que profesores e institutos do ámbito galego déronse cita no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre para defender ante un reputado xurado o contido dos seus proxectos, finalistas no III Concurso Proyecta Innovación. O acto púidose seguir en streaming a través da web de Proyecta.

O primeiro colexio en expoñer foi o IES Faro Das Lúas de Villanova de Arousa baixo o título "Buscando a Valle". Un traballo orientado a que o colexio se "abra á contorna" a través das TICs e cuxo obxectivo era modernizar o turismo cultural, facendo fincapé na figura do dramaturgo oriúndo da zona Ramón María del Valle Inclán. Un percorrido polos lugares que fixeron soada a súa obra, unha nova forma de coñecer ao escritor e unha maneira, ademais, de integrar esta experiencia no proxecto curricular do centro.

A segunda exposición do CPR Santa Teresa de Jesús de Ourense titulada "Canal de TV para la divulgación científica" versou sobre a creación dun instrumento audiovisual de comunicación onde o plurilingüismo, a divulgación, a ciencia, a investigación e a colaboración desen un paso adiante con respecto ao modelo de aula tradicional. Este avogaba, ademais, por cambiar a visión actual que se ten das ciencias.

O Colexio Plurilingüe Andaina foi o terceiro centro educativo en expoñer a súa idea finalista. "Colaboralav". Conscientes os docentes de que o alumnado ten "unha linguaxe e cultura propios" e que son "fillos do dixital" o proxecto audiovisual pretendía ser un "laboratorio pedagóxico" e de "transformación social" que propiciase a participación do alumnado, facéndoo protagonista, desde a elaboración das pezas audiovisuais ata a difusión das mesmas a través dos diferentes medios actualmente dispoñibles.

A cuarta defensa foi do proxecto "Empoilérate na Ciencia" do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. O profesorado partía da premisa de que o alumnado non era capaz de aplicar os coñecementos que adquirían en clase. O proxecto consistía en seguir o proceso desde a idea, pasando polo deseño ata o prototipo final, creando así unha base de datos dos mesmos e tendo en conta que no erro radicaba a aprendizaxe.

O quinto relatorio, titulada "English Project: Accesibilidad para todos" do IES A Xunqueira nº1, partía do concepto de accesibilidade entendido como a igualdade de oportunidades en calquera circunstancia. Unha nova concepción de experiencia metodolóxica baseada no uso por parte dos alumnos de ferramentas activas de aprendizaxe en lingua inglesa como a audiodescripción, os subtítulos e a dobraxe.

O sexto traballo, presentado polo IES Carlos Casares, "Galaxia Casares: Leriando no Casares", consciente do escaso uso que a mocidade fai actualmente do galego, optaba por valerse das TICs para que o alumnado empregase o idioma (non só o galego, pois apelaban ao multilingüismo) e ao mesmo tempo, coñecese a obra literaria, cultural e mesmo a curiosidade científica nos últimos anos da súa vida, do escritor Carlos Casares.

"Pale", do Colexio Plurilingüe Esclavas de A Coruña, constituíu o sétimo finalista deste encontro. A creación dunha produtora audiovisual e a formación en coñecementos audiovisuais, emprendedores e tecnolóxicos, eran o eixo sobre o que viraba esta actividade, que apuntaba a inclusión dunha nova materia T.I.E para incorporar ás materias curriculares.

Co nome de "Tic-Tac" o CEIP de Viñagrande presentaban o seu traballo, cimentado nun contexto de aprendizaxe chamado "O Informadeiro" que aglutinaría radio, televisión, prensa escrita e a creación dunha bitácora de aula, todos eles proxectos orientados e realizados polo alumnado. Un alumnado que debería de ser "máis partícipe da súa aprendizaxe" mentres que o profesor tería que ser "guía e motivador".

A novena presentación, defendida polo IES As Barxas (Moaña) era resumida como unha "experiencia interdisciplinar e creativa", que pretendía fomentar a "educación emocional". Así mesmo, falaba de converter o currículo en "unha obra de arte" e sumar os conceptos Arte+TICs para formar aos mozos en "valores".

O último relatorio, "Xogando aos oficios con Minecraft" do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, expoñía o uso do videoxogo Minecraft nos diferentes cursos de primaria, os cales asumirían como propios cada un dos sectores económicos (primario, secundario e terciario), coñecerían as súas necesidades e acabarían implementándoos todos creando un quebracabezas coral.

Ao finalizar o acto Óscar Ortega, director da Fundación Amancio Ortega, aseveraba que "a transformación nas aulas era xa unha realidade" como reflectía a "celebración deste tipo de encontros". O xurado deste acto educativo estivo composto por Carmen Delia García-Fuentes, Marcos Garasa, Diana González e Álvaro Reyero, e o seu fallo no que se darán a coñecer os proxectos gañadores farase público na páxina web de Proyecta o próximo 14 de xuño.

Vídeo do evento