I Encontro InspiraTICs

O punto de partida

Máis dun centenar de profesores de infantil, primaria e secundaria chegados dende puntos de toda Galicia acudiron da man de Proyecta ao Museo Santiago Rey Fernández-Latorre para falar sobre tendencias pedagóxicas e debater sobre as súas vivencias e inquietudes docentes.

Presentaron e moderaron o acto Álvaro Reyero, empresario e consultor de comunicación; e Ignacio Aguaded, investigador e catedrático da universidade de Huelva. Un acto que comezaba cunha aberta declaración de intencións: «Queremos que estes encontros InspiraTICs se convertan en referencia para que vós, os profesores, poidades poñer en común as vosas experiencias aplicando as novas tecnoloxías». E así, a palabra foi pasando de profesor a profesor, dando paso ás intervencións de varios participantes do I Concurso Proyecta Innovación, celebrado o pasado curso.

Estes foron cedéndose o micrófono para compartir co auditorio os proxectos de innovación educativa levados a cabo nos seus respectivos centros baseados nas TIC, as súas experiencias persoais e, sobre todo, as súas inquietudes docentes. A conexión co resto do público pronto foi evidente; tal e como puidemos comprobar no cóctel de despedida, a implicación persoal e a ilusión que transmitían as palabras dos profesores que interviñeron eran comúns a todo o auditorio.

Así, o IESP Fontem Albei A Fonsagrada (Lugo) contounos que están a desenvolver co seu alumnado unha app turística para os peregrinos do Camiño de Santiago primitivo que pasan polo concello da Fonsagrada con información de interese sobre o concello en varios idiomas; Alberte Xosé, profesor de tecnoloxía e impulsor do proxecto de robótica e programación do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) fixo unha demostración in situ do funcionamento programado dun dos robots que os seus alumnos de primaria e secundaria deseñaron e fabricaron por pezas mediante impresión 3D... o auditorio non daba crédito.

Cada proxecto foi presentado con grandes doses de entusiasmo e sentido pedagóxico; uns intercalaban bromas nos seus discursos, habíaos que se apoiaban en vídeos ilustrativos, outros facíano a viva voz... pero o denominador común de todos eles foi, sen dúbida, a involucración e o arraigado sentimento vocacional dos profesores de cada centro por sacar adiante proxectos innovadores para e cos seus alumnos.

Tras as presentacións e o debate, fíxose entrega do Premio Proyecta Innovación, que foi outorgado aos integrantes do proxecto "Barxas Emprende: Creación dunha Editorial" (IES As Braxas - Pontevedra) de mans de Óscar Ortega, Director da Fundación Amancio Ortega, e de Francisco Sánchez, Director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Ambos os dous directores concluíron o acto presentando as actividades previstas pola Plataforma Proyecta para este curso 2014-2015: novos encontros InspiraTICs, II edición do Concurso de Innovación... non sen antes agradecer a asistencia a todos os alí presentes, e gabar as iniciativas expostas e a ilusión con que se vía os mestres e profesores afrontar o día a día cos seus alumnos.

O cóctel que tivo lugar a continuación foi escenario de intercambio de opinións, ideas, contactos... e, claro está, o momento de coñecerse mellor uns a outros. O broche para unha xornada repleta de inspiradoras ideas.

A xornada foi retransmitida en directo dende a nosa páxina web para que todas aquelas persoas interesadas pola innovación educativa tamén puidesen seguilo dende os seus ordenadores.

Deixámosvos máis información sobre todos os proxectos que se presentaron neste I Encontro inspiraTICs e esperámosvos a todos no próximo!

Proxectos

RenuevaTIC
RenuevaTIC
Este proxecto baséase en establecer actividades inclusivas entre o alumnado con diversidade funcional escolarizado no Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes e alumnos de centros ordinarios da cidade a través da utilización compartida das TIC
Programando
Programando a escola: Robótica e programación
Queremos comezar un proxecto de robótica e programación no centro que mellore as competencias do alumnado relacionadas coa robótica, a programación, a impresión en 3D, etc. Ao tempo que se conciencia das vantaxes e posibilidades da cultura libre e que se intentan "abrir" as metodoloxías de ensino-aprendizaxe no centro cara a modelos máis activos.
Construíndo
Construíndo a escola do Século XXI
Un proxecto que pretende lograr que os alumnos/as adquiran as competencias e habilidades necesarias para ser, no futuro, no mundo que lles toque vivir, homes e mulleres resolutivos, flexibles, socialmente hábiles e comprometidos... Preparados para a vida.
PQSLM?
PQSLM? - Para que serven as Mates
Un proxecto que pretende achegar as matemáticas á vida cotiá. Para iso, os alumnos traballaron en grupos e fóronse a vivir virtualmente a un piso de aluguer. Para amoblar este piso baleiro tiveron que resolver problemas varios empregando as matemáticas para solucionalos. Os premios eran mobles e electrodomésticos para amoblar as súas virtuais vivendas.
Aturuxo
Aturuxo Films. Alfabetización mediática
Un proxecto educativo de alfabetización mediática que fomenta a creatividade a través do traballo colaborador do alumnado utilizando as ferramentas TIC para o desenvolvemento da produción dunha obra audiovisual e a educación en valores.
Proxecto
Proxecto Tablets
Un proxecto que consiste no emprego de tablets como ferramenta didáctica. Para iso, pretendíase ter una tableta por cada alumno que se lles prestase durante o curso para a utilización de aplicacións que lles permitisen crear as súas propias apps como parte do seu desenvolvemento curricular. Tamén comprende a creación dunha app turística para os peregrinos do Camiño de Santiago primitivo que lles achegue información en varios idiomas ao seu paso polo concello de A Fonsagrada.
Barxas
Barxas Emprende. Creación dunha Editorial - IES As Barxas

Barxas emprende é un proxecto creativo e interdisciplinar que consiste na creación desde cero dunha empresa editorial de libros infantís ilustrados realizados por alumnos. Para iso, o IES As Barxas prevé a participación doutros catro centros educativos e de 150 estudantes de 3º e 4º curso de ESO.

Ganador 8.000€