O pasado 24 de maio os representantes dos seis proxectos finalistas do V Concurso Proyecta Innovación tiveron a oportunidade de explicar e defender os seus proxectos ante o xurado do certame no XII Encontro inspiraTICs.
Con grandes doses de entusiasmo e ambición, todos os proxectos foron subindo ao escenario para presentar, algúns con docentes e outros tamén con alumnos. Ao concluír os 10 minutos de presentación de cada proxecto, os membros do xurado foron preguntando aos presentadores por aqueles detalles finais que lles permitirían ultimar a avaliación de cada proxecto e, de aí, extraer os gañadores.
O fallo do xurado non se fixo esperar demasiado, e comunicaron a súa resolución á organización do concurso un par de semanas máis tarde. Decidiron conceder 3 grandes premios:
1) Ao proxecto "Embaróuta-T: nó sostible" do CEIP de Barouta (Ames) o recoñecemento de Gañador da convocatoria, cun financiamento de 7.880€ (o 80% do importe solicitado). Un proxecto que pretende a transformación do propio centro –mediante a robótica e o tratamento de residuos– nunha smartschool: nun colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo e onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientadas ás expectativas dos alumnos.
2) Ao proxecto "Hortus Cultus 3.0" do CEIP Balaídos (Vigo) o Segundo premio e financiado con 2.400€ (o 100% do importe solicitado). Un proxecto no que, a través do horto do centro, os alumnos converteranse en creadores de contidos: libros, vídeos, receitas e todo tipo de materiais que compartirán coa contorna e mediante os que promoverán a concienciación e a preservación da natureza. Un proxecto, explicaban, que podería ser "a semente para cambiar a metodoloxía do centro".
3) Ao proxecto "Realiz-Arte" do CPR Compañía de María (A Coruña) o Terceiro premio, tamén cun financiamento do 100% do importe solicitado, con 3.500€. Un proxecto exposto por e para os mozos da ESO que pretende promover o espírito crítico entre eles mediante un foro online de debate onde as conclusións servirán para a creación de accións sociais ou de produtos artísticos. Ademais, trátase dun proxecto intercentro no que participarán varios centros educativos de Galicia.
Ademais, as fundacións decidiron outorgar 3 accésits, dotados con 1.200€ cada un, aos proxectos:
Unha vez máis, desde a dirección de Proyecta queremos felicitar a todos os premiados e agrader a participación de todos os centros educativos nesta quinta edición do Concurso Proyecta Innovación.